Publicado por: fontannarede | 28/10/2013

O deporte nacional de Fontán

Logo dun intenso debate sobre cal debería ser o deporte nacional de Fontán, na que salientaron disciplinas tan nosas como o tiro dende liana ou tan internacionais como o fútbol en libre interpretación, decantámonos por un deporte no que fomos potencia e que aínda segue de actualidade e con plena vixencia malia decaer o número da súa afección con respecto a décadas pasadas: falamos do remo.

Antes de continuar, perdóensenos os erros ante a nosa ignorancia ao respecto, os nosos coñecementos son limitados, mais queremos citar algunhas características da disciplina.

Neste deporte existen dúas grandes modalidades: o banco móbil e o banco fixo, sendo esta última a máis practicada na nosa zona, ben en traiñeiras, traiñeiriñas ou traíñas (forma popular), ou bateis. Ás veces, téñense empregado bucetas.

Polo menos, iso lembramos daquelas competicións sobre a auga da ría en pasadas décadas, grazas seguramente á existencia do Club de Remo Mariñeiro de Fontán, fundando hai vinteún anos (novembro de 1992), e que, malia os duros comezos (comprobables no recorte de xornal adxunto), nos afeccionou temporal mais apaixonadamente ás regatas, brindando grandes e inesquecibles imaxes ás nosas retinas.

clubremo

Da primeira época do Club quedan nas nosas casas e establecementos cadros conmemorativos dos socios de honra, “merchandising” (gorras e camisetas) convertidos en reliquias, e a sensación perdida da euforia deportiva ao bourear aos bravos remeiros do Mariñeiro con expectación dende a Ele e espigóns adxacentes e maldicindo contra os de Perillo e outros clubes da bisbarra. Quen non viviron aquilo non poden imaxinar a de familias enteiras que ocupaban a beira toda da costa para animar aos nosos!

Aqueles primeiros remeiros do Mariñeiro sufriron lesións e naufraxios, uns máis graves que outros (quizais outro día falemos destes percances), pero seguiron ao pé do canón moito tempo mercé á adrenalina que lles corría polo sangue ao empuñar o remo. Algúns daqueles pioneiros seguen aínda vencellados a esta práctica deportiva, como Abel Illanes, que adestra hogano lonxe das augas da nosa ría. Así, no 2011 remaba co club cántabro Pedreña e era daquela entrevistado sobre a súa rutina como deportista no Magazine, unha revista dominical que acompaña xornais de difusión local e nacional. Ao ano seguinte, 2012, volveu a Galicia co Amegrove. Deste 2013 non recabamos datos.

Abel, en segunda posición

Abel, en segunda posición

Hoxe en día, tras esa época dourada, o remo segue presente na nosa localidade, e de cando en vez podemos ver as gráciles e lixeiras embarcacións sucando as augas tranquilas do noso mar. Mais dalgún xeito perdeuse a maxia daqueles primeiros tempos nos que calquera era quen de recoñecer as diferenzas entre traíña, traiñeira ou batel.

Como a actual coxuntura deste particular “deporte nacional” na nosa localidade daría para outra entrada, deixaremos o tema para outra ocasión. Pero, para rematar a exposición coa morriña xusta daquela época dourada, podedes ler o que nos pareceu unha fermosa crónica sobre o remo en Cantabria visto por un afeccionado:

Advertisements
Publicado por: fontannarede | 01/04/2013

A festa de Pascua máis explosiva de Fontán

A pascua era unha das festas máis alegres de Fontán: moitas familias pasaban parte do día no Monte do Pobre, a onde chegaban con comida e bebida para pasalo ben. A situación estratéxica ideal era a carón do caseto de Abelardo, dende onde a praia de Arnela (Arnela a Vella, para quen non sexa de Fontán) quedaba a unha baixada de rústicos chanzos de pedra para remollar os pés ou facer saltar os cantos da beira na auga. Ou apañar minchas de ser o caso. Os nenos xa maiorciños (duns doce anos, par de anos arriba ou abaixo), e independentes, xogaban afastados dos adultos a facer cabanas e a explorar a costa da mañá á noite.

Naquela pascua de 1987 todo era así: un grupo de rapaces de Fontán (máis dunha ducia deles) andaban buscando paos para prender unha pequena lumeirada e pedras para cercala e evitar que o lume se estendese, como todo bo excursionista sabía, mais hoxe lembramos que tales prácticas están prohibidas por lei (foron moitos os incendios que obrigaron a isto). Xa superaran algún contratempo que merecería entrada por si mesmo (algún rapaz que non pode subir polo cantil e deben formar un escuadrón de rescate, cunha oferta por medio millonaria, en pesetas, claro, de parte do náufrago a quen o rescate, que naturalmente acaba caendo no esquecemento, e a ameaza dunha marea subindo polos penedos…), mais a aventura está lonxe de rematar.

Nun momento dado, na busca deses paos e pedras, alguén albisca unhas bolsas escuras de plástico e, coa ilusión da aventura nas veas, imaxina que garda algún tesouro. Corre ata ela, berrando “Ouro! Ouro! Todo meu!”, saca de navalla, racha o plástico da bolsa e ante os seus ollos aparece o inesperado, o que o fai berrar:

– Todos atrás! Todos atrás!

Todo o grupo reacciona sen pensar formando un amplo círculo de decenas de metros de radio arredor daquelas bolsas, malia que a curiosidade será máis forte que a precaución e a distancia irase rompendo. Que atoparon nelas?

Segundo contaron os xornais máis tarde, un feixe de material explosivo composto por un auténtico arsenal de armas: balas, bombas de man, botes de fume… incluso unha granada!

Algúns dos rapaces correron a avisar do seu achado ao cuartel da Garda Civil de Sada, e axiña uns axentes se presentaron no lugar do ocorrido mentres a noticia corría como a pólvora (e nunca mellor dito) entre os veciños e veciñas de Fontán.

pascua1

Aquel día e os seguintes foron unha espiral de sucesos: os axentes rastrexaron o monte con cans localizando novos puntos con armamento mentres os rapaces se convertían nos heroes do momento. Moitos xornalistas os buscaron para entrevistalos, sacándoos de costas á cámara como menores que eran, dando pistas que resultaron máis tarde ser falsas, como que ademais de detonadores e ese tipo de cousas atoparan droga (conclusión á que se chegara pola presencia entre as armas duns pos brancos que acaban identificándose como Silicafel, unha sustancia para preservar o perigoso material da humidade), como se non abondara coas armas.

As investigacións apuntarán máis tarde a que aquel material procedía dun roubo de armamento nun cuartel efectuado polo, daquela activo na zona, grupo terrorista GRAPO, con intencións máis ben turbias, mais ninguén se achega a reclamar o atopado, como era previsible.

pascua2

Quen se ía acordar daquela do millón de pesetas que ofrecera o “náufrago” a quen o rescatara do cantil naquela pascua florida de abril no Monte do Pobre?

Ademais, medios de tirada nacional fixéronse eco da noticia:

Publicado por: fontannarede | 12/02/2013

Morriña dos Meiguiños

Cun certo grao de morriña botamos a vista atrás neste Martes de Entroido e abrimos os vellos álbumes de fotografías, enmarcadas nalgún caso en catro recantos de papel, para buscar o rastro dunha das tantas comparsas que naceron en Fontán, Os Meiguiños, e observamos aqueles rostros de nenos que hoxe medraron para facer a súa vida sen desligarse de todo do lugar. Ao cabo, quen podería facelo despois de xogar na nenez e día tras día polas súas costas e rúas?

Comparsa Os Meiguiños de Fontán, 1987

Comparsa Os Meiguiños de Fontán, 1987

Comparsa Os Meiguiños de Fontán, 1987

Comparsa Os Meiguiños de Fontán, 1987

Como todo o mundo sabe (e, se non o sabe, agora estamos contándollo), Fontán sempre foi unha terra fértil para as comparsas e as sátiras do Entroido. Aí temos de exemplo fotos dos anos 20 e 30 con comparsas, coma Os Segadores, posando ou desfilando pola rúa de abaixo, o himno fontanés do Muro que naceu á calor destas festas no maxín deses mesmos Segadores, a lembranza dos cantos do Calamar e, en décadas máis achegadas a nós, comparsas coma Os Currantes (1992-1994) ou Os Meiguiños (1987-1989), da que axiña nos ocuparemos.

segadores

Comparsa “Os Segadores” desfilando pola rúa de abaixo. 1925?

Tamén Fontán é amiúdo referencia de coplas, coma nalgunhas letras dos Parados de Mera ou como a que cantaron en 2004 Os Exiliados (agrupación de Entroido creada pola Plataforma Cidadá pola Democracia en Sada) denunciando o feito de que o Castelo, un Ben de Interese Cultural do século XVIII, quedara dentro dun recinto pechado e inaccesible para o pobo.

copla-castelo-2004jpg

Copla sobre o Castelo de Fontán da comparsa Os Exiliados. 2004

Volvendo cos Meiguiños, non é moito o que podemos contar, pero o pouco que sabemos aquí o deixamos, e se alguén se anima a completar os nosos datos benvido/a sexa.

A comparsa xorde do maxín dun dos seus compoñentes, ao parecer Augusto, que se verá alentado polo seu pai para desenvolver a súa idea, que dará froito abondoso ao longo de tres Entroidos (1987, 88 e 89), nos que percorrerán parte da xeografía galega, chegando mesmo a Malpica ou aos platós da TVG e levando con eles o nome de Fontán. Na confección dalgunhas das cancións parece ser que tería colaborado Paco Mivida.

Os seus integrantes son nenos e nenas e rapaces e rapazas sen a intervención de adultos, o que a fai excepcional e, a pesar do seu breve trienio de actividade, prantan unha semente que xermolará poucos anos despois (1992) na creación dos Currantes de Fontán (en clara oposición aos Parados de Mera, xa mencionados aquí), comparsa esta composta íntegramente por rapaces (sen mulleres) que, en boa medida, xa formaran parte dos Meiguiños.

En clara homenaxe a eles, estes Currantes recuperarán, nun dos Entroidos nos que nos divertiron, un dos desafíos de homes contra mulleres (ou mulleres contra homes) que eran parte inesquecible das letras anuais dos Meiguiños. Así que, para despedírmonos como unha vez escoitamos cantar:

Vivan os nenos e nenas,

os vellos e vellas, 

tamén as filloas.

Que viva o bon ribeiro.

Vivan tódolos larpeiros

que hai en Fontán!

Publicado por: fontannarede | 22/11/2012

Vida social en Fontán

Facer vida social en Fontán, tendo en conta que non temos casa do pobo nin local municipal ningún onde reunirse, é case misión imposible. Case. Porque, aínda que non hai locais públicos pechados, e malia que as tendas caeron, sempre nos quedarán a marquesina e o lavadeiro (que viviron tempos mellores), as perruquerías, o kiosco (que actualmente ocupa o lugar das tendas) e, por suposto, os bares…

Hoxe temos para vós unha fotografía feita diante do Pepecho, imaxe que xa ten preto de 20 anos (quen o diría) e que nos enviaron hai poucos días. Nela, seguro que moitos podedes recoñecer aos protagonistas…

Se queredes ver publicadas as vosas fotos de Fontán e as súas xentes no noso blog enviádenolas a fontannarede@yahoo.es!

Publicado por: fontannarede | 24/10/2012

Crónica do Serán no Castelo de Fontán

Por fin, tras moito insistir, unha das organizadoras do serán enviou a este blog a súa crónica do evento. Agardamos que vos guste tanto como a nós!

O sábado 29 de setembro tivo lugar un serán nos terreos onde se ergue o Castelo de Fontán, restos dun antigo fortín defensivo do século XVIII (que loita contra as malas herbas dende hai un tempo en solitario). Os motivos eran varios, principalmente pasalo ben e, ao tempo, dar a coñecer a riqueza de Fontán e os seus arredores en distintos eidos (natural, paisaxístico, patrimonial, etcétera), hoxe en perigo por mor dun proxecto viario.

Quen participamos na organización do serán chegamos un pouco antes de tempo para ir colocando mesas, petiscos, paneis, aparellos de luz e son…

Comeza a chegar xente, e apuramos a colocar as últimas cousas mentres xa reclaman os primeiros petiscos, as primeiras chapas e camisolas, e se paran a ler os paneis informativos.

Con ducias de persoas pululando polos arredores do Castelo, as gaitas comezan a soar no escenario dando lugar aos primeiros bailes. As ganas de pasalo ben fan esquecer o frío que se deixa notar pouco a pouco entre os asistentes.

Nada mellor que bombas de palenque para que todo o mundo saiba que Fontán está de festa.

Tras a música e a xolda, é tempo da palabra. Sucédense lecturas de relatos e poemas de Luísa Villalta, Luís Pimentel, Manuel Lugrís Freire e Ramón Suárez Picallo, creadores todos que coñecían Sada e Fontán.

Nas pausas é momento de enche-lo fol, e non o da gaita precisamente: torta de lamber, queixo, empanada, filloas, biscoito, parrochas, etc., regados con refrescos, viño ou cervexas. E chocolate quente para os máis larpeiros.

Outro pouco de música, da man dun par de pandereteiras, alegra o ambiente de novo.

Vai escurecendo, e a atmosfera tórnase máxica e irreal presidida pola lúa chea, momento propicio para dar paso á actuación de Isabel Risco, interpretando un fragmento de A Ponte (obra de teatro de Manuel Lugrís Freire) ao que da remate cunha benfeitora queimada, infalible contra os malos espíritos e contra o frío que segue a tentar espantar á xente.

Tras o teatro, decatámonos de que xa é noite, e de que vai frío. É momento de recoller, de despedirse e de botar a derradeira repichoca. Revoa unha pregunta no ar: Repetimos?

Publicado por: fontannarede | 28/08/2012

Se visitas Fontán e che ofrecen tribulés…

… non digas que non!

Os tribulés (con –b ou con –v, quen sabe) son a versión fontanesa das filloas, ás que os veciños e veciñas da capital (é dicir, de Sada), levan adicando 27 anos unha das xornadas do Entroido na que a xente de Fontán tamén se pon as botas, faltaría máis. Ao cabo, só nos separa un kilómetro escaso de estrada. Se no día da súa festa nos entra o antollo polas filloas, fanse en tres minutos a pé…

Como dicíamos, aos nosos tribulés (exentos do ingrediente de sangue de porco que se da nalgunhas receitas de filloas) noutros lugares chámanlles freixós, ou tortas de fariña. Como sinónimo de freixó, a definición de “tribulé” pode calcarse da que aparece na RAG para o primeiro: é un “doce para sobremesa que se fai con ovos, leite ou auga e fariña, todo mesturado formando un amoado que se frite nunha filloeira, e ao que se lle pode engadir logo azucre, mel etc.”. Dende logo, a filloeira, en tendo unha tixola onde o amoado non quede pegado (para o cal adoita empregarse unha pinga de aceite ou talvez unto), é prescindible.

Por outra banda, hai discusións sobre se filloa e tribulé veñen sendo a mesma cousa (que se a filloa é a que se fai con caldo e o tribulé o que se fai con leite…), ou sobre o xeito xenuíno de preparar un auténtico tribulé (un dos debates é se son mellores moitos tribulés finos que poidan enrolarse ou un único tribulé gordo coma unha tortilla francesa)… pero como é unha palabra nosa, cadaquén dálle o significado (e a preparación) que máis lle convén, segundo lle pida o bandullo, acompañamento incluído, este tamén variado como os gustos (doce, salgado…), aínda que o máis común é botarlles por riba azucre e listo.

As orixes etimolóxicas do termo “tribulé” non están nada claras: hai quen di que deben ser francesas, porque se lle dan tres voltas (tri-vulé) para que queden a xeito, pero isto semella moi traído polos pelos, porque estariamos a falar dun francés inventado. Se algún ou algunha lingüista quere buscarlle explicación, dende aquí ten o noso apoio.

Imaxe de InfoBrion.com

Algunhas receitas de tribulés, filloas ou freixós:

Publicado por: fontannarede | 23/08/2012

O segredo mellor gardado en Fontán

O segredo mellor gardado no noso pobo non son as lendas que arrodean os cantís da costa, nin as fontes do regato ou manancial (segundo as distintas ópticas) do que bebemos, nin os camiños onde apañar as castañas máis saborosas no outono, nin as mellores horas para baixar a Morazón, nin a afouteza goscinnyana de manter a nosa pequena identidade fontanesa no medio de quen apreciaría facer de nós máis pandeiro do que xa fan. Non. O segredo mellor gardado de Fontán é cal é a relación que nos une a Kung Fu, a serie televisiva protagonizada por David Carradine e compaña.

Velaquí o que todo o mundo anhela saber e poucos se atreven a preguntar: a historia do topónimo máis suxestivo dos arredores: Kung Fu, como se coñecen, para quen non o saiba, as nosas casas de mariñeiros.

As casas dos mariñeiros son a primeira impresión que recibe de Fontán quen nos visita por estrada, indicándolle que está sen dúbida nun lugar singular. As vivendas foron deseñadas polo insigne arquitecto coruñés Andrés Fernández-Albalat, autor, entre outras, da fábrica de Begano da Coruña ou do estadio de San Lázaro en Compostela. No concello de Sada, ademais de planificar a barriada fontanesa, deseñou a Casa do Concello da avenida da Mariña, a Igrexa Nova, La Sociedad ou o Laboratorio de Formas do Castro.

A peculiar distribución da cincuentena de casas que se contruíron como vivendas sociais para os mariñeiros e as súas familias, prometía xa dende o inicio (alá polo 1973 ou 74, cando comezaron a habitarse as casas) ocupar espazo nas bromas e retrancas das xentes de Fontán, de feito, ao longo das súas décadas de historia recibiu distintos nomes, pese a que xa case dende o principio se foi impoñendo, talvez por exótico ou por sinxela simpatía, Kung Fu. A continuación, listamos por orde os diferentes nomes que recibiu o lugar que hoxe é Kung Fu ata onde alcanza a nosa información.

A Restreba: topónimo galego con carné de identidade (hai “Restrebas” en diferentes lugares de Galicia, o que pode comprobarse no nomenclator que a Xunta ten a disposición dos cidadáns), chamábase así ao terreo no que se asentou a comunidade de vivendas. O termo “restreba” ten orixe agraria e ven referíndose a un terreo cuberto cos restos da sega.

Casas dos mariñeiros: esta denominación, que aínda se emprega, fai referencia evidentemente a quen debía ocupar as vivendas en primeiro lugar: os traballadores do mar e as súas familias. Hogano, por tratarse de xeracións posteriores ou reventas e alugueres, xa non hai mariñeiros en todas as casas.

Vivendas Virxe do Carme: nomenclatura oficial da comunidade, que no seu bautizo se acolleu á bendición da popular patrona católica dos mariñeiros (e festexada en Fontán, por certo, cada mes de xullo). Unha pequena imaxe da Virxe do Carme nunha furna acristalada preside as vivendas, e ao pé dela non faltan habitualmente flores nin candeas.

O palomar ou os palomares: topónimo que tivo o seu intre de gloria, dada a similitude visual cos pombais artificiais nos que se crían as pombas, mais non acabou de convencer e axiña foi substituído polo máis agrazado Kung Fu.

Kung Fu: estraño apelativo para facer referencia a unha barriada galega, e así e todo foi o que mellor callou entre os veciños e veciñas de Fontán para denominar á comunidade mariñeira, e arredor da súa orixe xorden varias explicacións complementarias, se ben, é a primeira a que, sen temor a equivocarnos, é a xénese real da que parte a asimilación da serie televisiva de Kung Fu co barrio (as outras dúas explicacións seguramente reforzaron a súa popularización):

1ª explicación: Xa dende a súa orixe, os fontaneses e fontanesas, especialmente quen vivían nas casas dos mariñeiros, facían gala dun carácter bravo e indómito, cun aquel ardente que nin o mar ao que se enfrontaban a diario parecía quen de apagar. O ambiente, como na serie de Kung Fu (que casualmente, como dixemos, se emitía por aquel entón na única canle dos escasos televisores) adoitaba despexarse tras unha boa lea. Quen acuñou o termo “Kung Fu” para referirse ás casas dos mariñeiros ao decatarse da similitude entre a trama da serie e a vida cotiá na barriada foi un fontanés excepcional: o Pituso.

2ª explicación: Na época na que David Carradine repartía mazapán na televisión, deuse a coincidencia de estar censado entre os veciños da barriada mariñeira un oriental, concretamente de Vietnam (segundo nos contan, pero pode que fose doutro país da Indochina), casado cunha galega e pai de dous fillos. Hai quen di que andaba ao mar, pero ao parecer o mariñeiro non era el senón o seu sogro. A familia acabou emigrando a Benidorm, mais na súa lembranza adoptar o termo Kung Fu (xa acuñado por Pituso) para referirse ás casas, onde vivía un oriental, semellou natural.

3ª explicación: A particular disposición arquitectónica de Kung Fu, allea á tradicional construción galega, asimílase rápidamente coa arquitectura exótica vista na popular serie de televisión, Kung Fu, emitida ao mesmo tempo na que as casas comezaron a ocuparse. É esta unha versión deturpada do conto na que xa se perde o fío do inicial carácter retranqueiro do topónimo, pero tamén ten sentido, ou non?

Fontes:

Publicado por: fontannarede | 14/08/2012

Cando todo Fontán aprendeu a calcetar

Autoría: missa88. Licenza: sxu license

Disque foi na década dos 70 (século XX) cando todo Fontán aprendeu a calcetar. Seica todos os fontaneses e fontanesas ían uniformados, especialmente os mariñeiros, vestidos con xerseis calcetados cunha lana (la) moi especial e resistente, dunha cor indefinida, distinta á que se podía atopar nas tendas. Era unha la que vomitaba o mar, e había que poñela a secar logo de lavarlle a area e as algas que a tiñan fozado. Algúns veciños, mesmo construíron secadoiros como os que teñen en Muxía para o Congrio, só que en Fontán eran para facer nobelos da curiosa pesca daquela tempada.

E de onde saíu aquel ocorrido de conto fantástico? Dun barco, claro, como non podía ser doutro xeito.

O Erkovich era un barco mercante que cargaba todo tipo de cousas e certo día daqueles 70 do século pasado naufragou na ría da Coruña, hai quen di en Bastiagueiro, outros en Mera, os de máis alá mencionan Veigue, pero para o que conto é o mesmo: todo o que cargaba acabou no mar: televisores (inútiles logo da molladura), bolígrafos (que chegaron á praia de Sada onde os nenos fixeron acopio de centos para os longos anos de estudo), pesticidas e produtos químicos (do máis perigoso que transportaba e que fixo cundir a alarma entre as autoridades) e, abofé, a codiciada la. A mesma que fixo que todo Fontán puxese as mans na calceta. Había outros produtos nas bodegas; con todo, quizais eses foron os que naquel momento máis chamaron a atención dos mariñáns.

O mergullador José Antonio Pérez Varela (Josechu) lembra o naufraxio do Erkovich, coa súa parte de carga tóxica, coma un dos máis complexos que desenvolveu, segundo conta na publicación especializada “EspacioSub”:

“De los trabajos más duros recuerdo el desguace del Erkovich dentro de la ría de A Coruña, donde tuvimos mucho temporal y donde muere Rondon, un buzo de la Armada al que le cae una caja de la bodega encima de la manguera estrangulándolo y quitándole el aire del suministro. El barco transportaba multitud de materiales, era de carga general y dentro de esta era especialmente peligrosa el dieldrín puro, un insecticida compuesto de mercurio, motivo por el que estaba in situ la Armada durante la fase de la descarga. De todos los materiales fue el primero que se descargó, 28 bidones, y encima de ellos venían sacos de harina, y motores de coche. La embarcación estaba apoyada sobre el costado de babor y sobre estribor se le hizo un boquete de unos 5 x 4 m para poder descargar mercancía que había en el interior de la bodega. El barco se desguazó completamente utilizando dinamita, nunca tiré tanta en mi vida, sobre seis cajas de un solo disparo, unos 150 kilos. Esta obra la llevamos conjuntamente con Santa Cruz y Collazo y otros buzos conocidos del lugar.”

Tamén Matías González Chas (1922-2006), patrón maior da Confraría de Pescadores coruñesa naquel entón, debía lembrar o ocorrido,  mais non contamos coas súas impresións.

Se quen non o vivistes seguides sen crer a desfeita do Erkovich, o historiador Hixinio Fuentes menciona no seu blog  o nome do buque entre outros de recoñecida e triste lembranza para denunciar o esquecemento da primeira marea negra que, segundo conta, tivo lugar en Galicia (e sinala Cariño como o punto cero daquela traxedia orixinal, e o Benno, ou Brenno, como embarcación culpable dela). Mais, realmente, no do Erkovich estivo desafortunado: semella que a memoria do mercante que vestiu a Fontán de balde foi escurecida co paso do tempo (ou iso fan pensar as exiguas referencias que ten na Internet) o mesmo que a do Benno, ou Brenno, que don Hixinio, experto nisto dos naufraxios, cita.

Onde gardan documentación sobre o fatal accidente do Erkovich é nas oficinas dos avogados Meana Green Maura & Co., caso no que colaboraron como asesores e que aínda hoxe ondean con orgullo profesional por consideralo referente, xunto con outros, para o Dereito español en sinistros contaminantes.

Suceso tal só podía pasar desapercibido aquí, na costa galega, onde embarrancaron ou quebraron barcos de nome maldito como Mar Exeo, Casón, Urquiola ou Prestige. Agochado tras naufraxios desas magnitudes de catástrofe, o do humilde Erkovitch, ou Erkovich, semella de chiste. Mais ocorreu, realmente. Para mostra, botádelle un ollo ás referencias adxuntadas baixo o artigo, as mesmas que van integradas ao longo do texto.

Referencias:

Se vos interesa o tema dos naufraxios en Galicia:

  • CASTRO, Antón. Golpes de mar [libro de relatos de ficción]. [S.l.]: Destino, 2006 (ver ficha en Lecturalia)
  • CANCIO ÁLVAREZ, Miguel. “En el mar el riesgo cero no existe: el caso del pesquero O bahía y de otros. Llamamiento de Heidelberg por una ecología científica”. En: Revista Galega de Economía, vol. 13, núm. 1-2 (2004), pp. 1-43 (dispoñible en liña)
  • DOPICO, Elena. “Los tesoros de la ría ferrolana”. En: La Voz de Galicia, hemeroteca web, 08-10-2005 (dispoñible en liña)
  • GARCÍA, Mar. “El Museo Naval de Ferrol conserva importantes restos de la Magdalena“. En: La Voz de Galicia, ed. A Mariña, 1-11-2009 (dispoñible en liña)
  • LIBROS sobre naufragios y pecios en Galicia (Foro de buceo deportivo, primeira aportación do día 19-03-200 8)
  • PATRICIO CORTIZO, Fernando. Historia da costa galega e os seus naufraxios: século XX. Vigo: Xerais, 2004 (ver ficha en Casa del Libro)
  • PUENTES NOVO, Hixinio. Os naufraxios da Galicia norte. [S.l.]: Lea, 2003 (ver ficha en Librería de Náutica)
Publicado por: fontannarede | 08/08/2012

As primeiras pegadas histórico-documentais de Fontán

A mención documental de Fontán máis antiga da que temos coñecemento dende este espazo é cartográfica e concretamente do século XVI: o nome do noso pobo aparece en mapas e cartas náuticas dende a fin do mencionado século, segundo constatou Antón Malde, o arqueólogo encargado das tarefas de rehabilitación que se desenvolveron no castelo de Fontán.

A finais do século seguinte, entre 1674 e 1762, a documentación histórica fai referencia á instalación en Sada dunha puxante industria textil, da man de emprendedores flamencos, que chegará a manter tres fábricas: unha primeira, de enxarcia e lona para subministrar á Armada, seguida aos poucos anos dunha fábrica de mantelería e lenzo (e que favorecería o cultivo do liño en Galicia) e unha terceira de panos. A efectos de protexer a seguridade desta industria, coa que se abandona en boa medida a tradicional actividade pesqueira, érguense dúas baterías na costa, primeiro en Fontán e logo en Corbeiroa, tras valorarse a ameaza inglesa, que vía perigar o seu propio mercado textil. O xa mencionado arqueólogo Antón Malde considera que o fortín de defensa da ría que aquí coñecemos como Castelo de Fontán se construiu na última metade do século XVIII, entre 1756 e 1764, co que quizais se poda supoñer (e isto xa son especulacións propias) que non se pretende defender tanto Sada en concreto como a ría en xeral, dado que a fábrica de enxarcia e lona, a última que resiste na vila mariñán, será trasladada a Ferrol no 1762, malia que xa dende 1750 a súa produtividade sería practicamente nula.

Tras o ocaso do textil, novos emprendedores, desta volta cataláns, chegan á zona para incentivar unha industria de salga na nosa xeografía, nos núcleos de Sada e, maiormente, Fontán, como relatarán tanto o humanista galego José Cornide (século XVIII) como o historiador Antonio Meijide Pardo (†2004). Ao longo desta nova aventura empresarial o castelo de Fontán continuará exercendo o seu papel defensivo, e así seguirá ata ben entrado o século XIX (a súa actividade militar cesará arredor de 1830, segundo sinala novamente Malde).

Fontán no mapa de Domingo Fontán (1845). Fonte: Biblioteca Nacional de España.

Referencias:

Publicado por: fontannarede | 06/08/2012

Zarpamos

Aquí andamos nesta nova singradura para traervos historias esquecidas, lendas, lembranzas e anécdotas sobre Fontán e as súas xentes. Queremos facer deste blog unha memoria colectiva do pobo e un espazo de todos os fontaneses e fontanesas e tamén dos nosos amigos. Este blog é de todos nós, así que se queres colaborar escríbenos a fontannarede@yahoo.es ben para contarnos as túas lembranzas e as dos teus maiores ou ben, se o prefires, pídenos información no mesmo enderezo para poder transcribir ti mesmo/a as lembranzas sobre o noso pobo que desexes compartir na rede virtual. Boa pesca de historias!

Categorías